Skip to content
Rafa Couto edited this page Dec 3, 2015 · 1 revision

Estatutos

Da Asociación Cultural e Xuvenil para a Formación, Fomento, Desenvolvemento e Divulgación da Ciencia e Tecnoloxías Libres Recuncho Maker, aprobados na Asemblea Extraordinaria do 31 de outubro de 2015.

Capítulo I: Da asociación en xeral.

Artigo 1º

O 31 de outubro de 2015 constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten como denominación «Asociación cultural e xuvenil para a formación, fomento, desenvolvemento e divulgación da ciencia e tecnoloxías libres Recuncho Maker».

A asociación rexerase por ditos Estatutos, pola Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º

O domicilio principal e permanente da asociación radicará na rúa xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx, Santiago de Compostela, A Coruña.

Outras formas de contacto como teléfono, correo electrónico ou redes sociais se dispoñen na páxina web da asociación.

Artigo 3º

A asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º

A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º

Son fins principais da asociación:

  1. Colaborar na construción dunha sociedade de coñecemento baseada nos principios de libre acceso á tecnoloxía e o coñecemento.

  2. Divulgar a filosofía e as posibilidades da sociedade do coñecemento libre, con especial enfoque na cultura, artesanía, deseño, ciencia e tecnoloxía na Comunidade Autónoma de Galicia, colaborando coas entidades públicas afíns.

  3. Promocionar o coñecemento libre, facendo fincapé nas vantaxes que este pode aportar para fomentar a cooperación, a innovación e a calidade dos produtos, dos servizos e da tecnoloxía producidos polo tecido social, empresarial e investigador galego.

  4. Fomentar a democratización da cultura maker, destacando a artesanía, a gastronomía e as expresión artísticas.

  5. Fomentar a democratización das tecnoloxías libres, as técnicas de fabricación alternativas e sostibles, como a impresión 3D, e calquera outra nova tecnoloxía, achegando estes conceptos e as súas vantaxes á cidadanía, prestando especial atención aos centros educativos.

  6. Fomentar a utilización e colaborar no desenvolvemento de ferramentas libres para o deseño de proxectos e a elaboración de produtos con licenzas libres.

  7. Promocionar o idioma galego no eido tecnolóxico.

  8. Participar conxuntamente con outras entidades, de sensibilidades afíns, nos labores anteriores.

  9. Promocionar a realización de actividades encamiñadas a cubrir as necesidades dos asociados, durante o desenvolvemento dos seus proxectos dentro dos fins da asociación.

  10. Fomentar, promover e divulgar entre a xuventude os valores culturais do movemento maker en xeral, en en particular aqueles expostos entre estes fins da asociación.

  11. Calquera outro fin lícito que, en relación cos obxectivos fundamentais anteriores, sirva para os intereses dos asociados se así o determina a Asemblea Xeral.

Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organizar as seguintes actividades:

  1. Conferencias, foros, encontros, xornadas, etc. relacionadas cos fins da asociación.

  2. Cursos de formación básica e especializada sobre os temas de traballo e interese da asociación.

  3. Sesións de traballo e obradoiros dirixidos a acadar os fins expresados nos estatutos da asociación.

  4. Realización de proxectos de desenvolvemento libre baseados na filosofía e paradigmas do coñecemento libre.

  5. Organización de viaxes e conferencias, congresos e acontecementos relacionados co coñecemento libre.

  6. Confección de documentación técnica e de usuario sobre proxectos desenvolvidos no eido dos fins da asociación.

  7. Colaboración con proxectos e actividades doutros grupos similares a nivel nacional, estatal e internacional.

  8. Asistencia a conferencias, congresos e acontecementos relacionados co mundo do coñecemento libre.

  9. Actividades dos tipos anteriormente enumerados especialmente adicadas á xuventude. Realización de cursos, proxeccións, degustacións, obradoiros, conferencias, campamentos, concursos, publicacións, etc, adicados e dirixidos á poboación xuvenil.

  10. Calquera outra actividade lícita que sirva aos fins da asociación.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Capítulo II: Dos asociados.

Artigo 6º

Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas con plena capacidade de obrar, sen distinción de sexo ou condición.

Poderán ser integrantes da asociación na súa sección xuvenil, aqueles asociados que teñan capacidade para obrar e cuxas idades sexan entre os 14 anos cumpridos e os 30 anos sen cumprir, sendo no caso dos menores non emancipados co consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade (Real Decreto 397/1988, do 22 de abril polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís). Esta Sección Xuvenil terá autonomía funcional e organización propia para os asuntos especificamente xuvenís.

Os acordos de admisión de asociados tomaraos a Asemblea Xeral, sendo un membro da Xunta Directiva o executor do trámite, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida.

Artigo 7º

Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:

  1. Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.

  2. Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.

  3. Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da asociación.

  4. Xuvenís, aquelas persoas (de entre 14 anos cumpridos e 30 sen cumprir) que participen na asociación e que estarán integradas na sección xuvenil, se é o caso.

  5. Simpatizantes, aquelas persoas que sen pertencer a asociación adiquen parte do seu tempo aos fins do artigo 5º.

Artigo 8º

A condición de asociado pérdese:

  1. Por vontade propia.

  2. Por incumprimento das súas obrigas especificadas no artigo 10º.

  3. Pola realización de accións que prexudiquen gravemente aos intereses da asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.

  4. Por falecemento da persoa física.

Artigo 9º

Os asociados teñen os seguintes dereitos:

  1. Participar nas actividades da asociación e na Xunta Directiva, exercer o dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.

  2. Ser informado da composición da Xunta Directiva da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

  3. Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el, e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo argumentarse xustificadamente o acordo que no seu caso impoña a sanción.

  4. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos estatutos.

Os asociados honorarios, xuvenís e simpatizantes non poderán intervir na xestión da asociación nin nos órganos de representación dela. Os asociados honorarios e os xuvenís están facultados para asistir á Asemblea Xeral con voz, pero sen voto. Os simpatizantes non están facultados para asistir á Asemblea Xeral a menos que sexan invitados pola Xunta Directiva.

Artigo 10º

Son obrigas dos asociados:

  1. Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.

  2. Facilitar as finalidades da asociación, coas súas capacidades ou economicamente.

  3. Estar ao corrente do pago das cotas acordadas na Asemblea Xeral.

  4. Ter actualizado o enderezo de contacto que empregue habitualmente para comunicarse coa asociación.

  5. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.

  6. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados pola asemblea.

  7. Acatar o contido dos estatutos.

  8. Ter unha boa conduta individual e cívica.

Capítulo III: Dos órganos da asociación.

Artigo 11º

A dirección e administración da asociación serán exercidas pola Asemblea Xeral delegando o que considere oportuno na Xunta Directiva.

Artigo 12º

O Presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados e o seu mandato durará un ano. Será asistido nas súas funcións polo Secretario en caso de ausencia ou enfermidade.

O Presidente terá as seguintes atribucións:

  1. Representar á asociación perante calquera organismo público ou privado.

  2. Convocar e arbitrar as sesións que celebre a Xunta Directiva, arbitrar as sesións da Asemblea Xeral e facilitar as deliberacións dunha e doutra.

  3. Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

  4. Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13º

A Xunta Directiva estará formada polo Presidente da asociación, o Secretario, o Tesoureiro, o Delegado de Xuventude e dous Vocais.

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados daqueles gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.

As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.

A Asemblea Xeral será a competente para elixir os cargos de Presidente, Secretario, Tesoureiro e os dous Vocais da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de un ano.

A Sección Xuvenil será a competente para elixir o cargo de Delegado de Xuventude, que deberá ser membro, maior de idade, de dita sección e que a representará, con voz pero sen voto, na Xunta Xestora e ante a Asemblea Xeral por un período dun ano.

Os cargos cesarán na súa función por:

  1. Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

  2. Renuncia voluntaria.

  3. Transcurso do prazo para o que foron elixidos.

  4. Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por dous terzos dos asociados reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.

As vacantes que se puideran producir durante a xestión de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisionalmente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada por 6 persoas, que exercerán as funcións de Presidente, Secretario, Tesoureiro, Delegado de Xuventude e dous Vogais.

Artigo 14º

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Programar e facilitar as actividades que propoña a Asemblea Xeral.

  2. Levar a xestión administrativa e económica da asociación.

  3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

  4. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.

  5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.

  6. Propor os integrantes das comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación, de non aparecer voluntarios para cubrir as mesmas.

  7. Propor normas internas de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.

  8. Xestionar as solicitudes de ingreso de novos asociados.

  9. Propor o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e facilitando as súas tarefas.

  10. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

  11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da asociación.

Artigo 15º

A Xunta Directiva será convocada polo Presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes con dereito a voto, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos asociados con dito dereito e, en todo caso, do Presidente e o Secretario ou persoa que o substitúa. O Secretario levantará acta das sesións, que se transcribirán ao libro de actas.

Artigo 16º

Os membros da Xunta Directiva arbitrarán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte de ditas comisións o número de asociados que acorde a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva, de ter delegada esta potestade.

Artigo 17º

A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por tódolos integrantes desta. O Presidente e o Secretario da Asemblea Xeral serán o Presidente e o Secretario da Xunta Directiva.

Artigo 18º

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acordar a Xunta Directiva, ou o solicitaren o 10% dos asociados. Neste último caso, realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente, en que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19º

A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o mes de xaneiro até o de decembro. Tanto a Asemblea Xeral Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente da Xunta Directiva.

A notificación farase na lista de correo da asociación e nos locais da mesma.

Artigo 20º

Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

  1. Aprobar o plan de actividades.

  2. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.

  3. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.

  4. Revisión e aprobación das cotas.

Artigo 21º

Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

  1. Modificar os estatutos da asociación.
  2. Elixir e cesar os integrantes da Xunta Directiva.
  3. Aprobar a federación con outras asociacións.
  4. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
  5. Acordar a disolución da asociación.
  6. Designar os liquidadores.
  7. Ratificar a expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva.
  8. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
  9. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
  10. As que sendo de competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar á súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
  11. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 22º

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do Presidente e o Secretario ou persoa que o substitúa.

Artigo 23º

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, agás os relativos aos apartados do 1 ao 7 do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinarao o Presidente e o Secretario da Asemblea Xeral. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 24º

Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos os asociados, incluso aos non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente procederase por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea Xeral anterior que deberá ser aprobada. Posteriormente, o Secretario procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e á aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 25º

Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26º

O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da asociación.

Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace do Presidente. O Secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.

Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do Secretario, o Presidente proporá a un dos asociados para cubrir temporalmente as funcións do mesmo.

Artigo 27º

O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida a asemblea, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como as contas de resultados e balances.

O Tesoureiro ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á realización da Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 28º

O Delegado de Xuventude actuará como representante da Sección Xuvenil perante a Xunta Directiva e transmitirá a esta as decisións que os membros da Sección Xuvenil adopten. O Delegado de Xuventude poderá intervir nas reunións da Xunta Directiva con voz pero sen voto.

Artigo 29º

Os vocais asumirán tarefas de asistencia nas áreas de traballo que determine a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva en función das necesidades administrativas da Asociación. Tamén poderán asumir outras competencias que lle sexan encomendadas pola Asemblea Xeral ou na normativa interna.

Capítulo IV: Do réxime económico.

Artigo 30º

A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 0 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 31º

A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro da asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano.

Artigo 32º

A asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas periódicas dos asociados.

  2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.

  3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.

  4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.

  5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 33º

A Asemblea Xeral Ordinaria, á proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender ás necesidades da asociación.

Artigo 34º

Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos asociados, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 35º

Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura de polo menos dous de entre o Presidente, o Secretario e o Tesoureiro.

Artigo 36º

Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados os recursos obtidos pola asociación.

Capítulo V. Do regulamento de réxime interno.

Artigo 37º

O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

Capítulo VI. Da modificación de estatutos e disolución da asociación.

Artigo 38º

Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas dúas terceiras partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 39º

A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas dúas terceiras partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 40º

Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados liquidadores, que xunto ó Presidente e ó Tesoureiro, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 41º

O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.